Wednesday 22 de May de 2024

O Concello da Pobra impulsa o Espazo Activa O Teu Lecer para persoas con problemas de saúde mental


Na senda de crear comunidade, a Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal lanza un programa para a promoción da autonomía persoal e apoio a persoas adultas con problemas de saúde mental. Baixo o título Espazo Activa O Teu Lecer, realizaranse coa asociación A Creba diferentes actividades de lecer e xestión do tempo libre. A concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), explica que se traballará no plano sociocultural, deportivo, cognitivo e das novas tecnoloxías. Ademais, cada mes efectuarase unha saída cultural.

Esta iniciativa funcionará a partir do mes de marzo; concretamente, ós martes e ós venres, en horario de mañá. En representación de A Creba, a psicóloga, Montse Vila, acompañada da educadora, Nereida Rivero, incide nos beneficios no aspecto físico, no social e no psicolóxico que terá este espazo de encontro nas persoas participantes.

Ofértase un total de 10 prazas e as inscricións formalizaranse no local dos Servizos Sociais e da Igualdade, fronte á casa consistorial. Se ben este programa ten carácter grupal, tamén se adaptará ás necesidades individuais detectadas.